Tuesday 14 de May de 2024

Este próximo luns arranca o XI DesOrdes Creativas


Animalito Land, A.L. Crego, Lidia Cao, Minia Regos e Miguel Peralta son os protagonistas do cartel deste ano. Tamén haberá master class, exhibicións, obradoiros de murais e para a rapazada etc. Paralelamente celebrarase o festival DesOrdes Sonoras con grupos como Hermanos L, SSSSekone ou Mounqup entre outros

Dende o vindeiro luns ata o domingo 12 de agosto terá lugar a undécima edición do festival de arte urbana DesOrdes Creativas.

Organizado polo colectivo Mutante nesta ocasión o cartel de artistas participantes está composto por Animalito Land (Arxentina), A.L. Crego (Galicia), Lidia Cao (Galicia), Minia Regos (Galicia) e Miguel Peralta (Almería), Durante toda a semana cada unha e un deles encherán distintos espazos públicos a pé de rúa cos seus murais e creacións plásticas. Os lenzos a empregar serán as fachadas de vivendas e valos cedidos pola propia veciñanza ordense.

Paralelamente desenvolveranse toda unha serie de actividades e citas dirixidas ao público interesado na arte urbana.

• Mércores, 8 de agosto, durante todo o día, Mon Devane ofrecerá na alameda unha exhibición de grafito.

• Xoves e venres, 9 e 10 de agosto, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas Mon Devane ofrecerá de balde unha master class sobre o retrato con aerosol. As persoas interesadas deberán incribirse ata o vindeiro martes a través do correo electrónico info@mutantecreativo. Nel deberán indicar os seguintes datos: Master Class con Mon Devane (asunto); nome e apelidos; teléfono e mail de contacto; formación e link a portfolio, instagram, web, blog, etc.

• Obradoiro gratuíto de pintura mural para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Sábado día 11, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Inscricións ata o xoves día 9 a través do correo electrónico info@mutantecreativo. Deberán indicar os seguintes datos: Obradoiro con Iria Fafian; nome, apelidos e idade; teléfono e email de contacto do pai, nai ou titor.

• Exhibición de celograff con Nove Noel. Parque da Constitución, o sábado día 11, durante todo o día.

• Roteiro guiado e de balde para ver os murais de edicións anteriores. Sábado día 11 de 19 a 21 horas. Saída dende o parque da Constitución.
Ademais de todo isto tamén o sábado, a partir das 22 horas, no parque da Constitución terá lugar unha nova entrega do festival DesOrdes Sonoras. Unha cita musical que traerá ata Ordes ás seguintes bandas: Hermanos L, Boyanka Kostova, Mounqup, SSSSekone.

Organizado polo Concello de Ordes esta iniciativa está cofinanciada pola Deputación da Coruña, patrocinada por pinturas Proa e Loxam Hune. Tamén conta coa inestimable colaboración de Mutante (arte, deseño e comunicación).